luns, 23 de xullo de 2018

Roteiro pola Coruña - 19 de xuño




O 19 de xuño fomos á Coruña. E xa ven cedo, desde as 10:30 da mañá até as 19:00 desfrutamos da saída á Coruña.

Fomos por varias librarías, pois a actividade que tiñamos programada no Centro Ágora, tivo que cancelarse no último momento. Fomos a Berbiriana, (pasando antes pola Real Academia Galega e pola casa de Emilia Pardo Bazán), á libraría Sisargas, 
 pasamos tamén pola Fiándón, que é unha libraría de vello que se atopa a poucos pasos. As obras máis insólitas e difíceis de atopar conviven alí con outras que buscan un segundo dono. Foi unha experiencia nova para moitdos dos rapaces achegarse a un establecemento deste tipo. Ademais, contamos co privilexio de baixar até un salón aínda máis antigo ao que fomos convidados polo libreiro.



Pasamos antes de xantar, por Alita Cómics. Alí desfrutamos de todo tipo de obras da banda deseñada, manga, tebeos e demais artiluxios. Sen dúbida, o que máis chamou a atención foi a espada láser da Guerra das Galaxias.



Despois de xantar, fixemos a charla sobre o último dos libros que lemos. Unha Banda Deseñada para rematar o curso: Los diarios de Cereza.

Tivo moi boa aceptación e serviunos para coñecer un pouco máis sobre o mundo do cómic, a súa linguaxe, a interrelación entre imaxe e texto. Co primeiro volume: El zoo petrificado, asistimos a unha homenaxe á fantasía e á imaxinación, que o alumnado soubo aprezar.

Nesta última xuntanza tamén fixemos a valoración final do Club de Lectura deste curso e das lecturas seleccionadas. Foi todo un éxito.

Ao chegar a tarde, dirixímonos á libraría Moito Conto. Tiñamos concertada unha charla con Ester, a súa propietaria, que nos falou dalgunhas das obras que máis éxito tiñan e que elas consideraban de máis calidade literaria. Explicounos o funcionamento da libraría, as actividades que programan, as charlas con escritores que se celebran alí… E finalmente, as nosas rapazas e rapaces contáronlle o que estivemos lendo este curso e os seus xéneros e lecturas preferidos. 


Rematamos a visita na Fnac, petición expresa do alumnado, na que xa algo cansos e con pouco tempo pola saída do autobús, percorreron as súas distintas seccións.

Resultou un roteiro moi completo, cheo de suxestións lectoras e de contacto cos libros, na que moitos adquirimos xa algunha lectura para estas vacacións; ademais, o bo tempo acompañounos e puideron coñecer mellor a cidade, que moitos nunca visitaran anteriormente. Agardamos poder repetir a experiencia en vindeiros anos.




Ningún comentario:

Publicar un comentario