martes, 9 de abril de 2019

Non o experimentei nas miñas carnes, Carlos.

O 8 de abril fixemos unha xuntanza moi especial. Carlos Negro, antigo profesor do noso centro, achegouse ao noso clube de lectura "Moondo Dodro" para falar do seu último libro Aplicación instantánea (Premio Jules Verne 2018) e tamén de Penúltimas tendencias (Premio da AELG á mellor obra de literatura xuvenil do 2014).

Antes de nada, comemos unhas pizzas que chegaron moi xustas de tempo por problemas alleos ao centro.

Despois de rica pizza de Adria Boiro), comezou Carlos Negro falando de que é poesía. Para que serve? Reflexionamos en grupo e saíron ideas interesantes. Falounos de Lupe Gómez, de Olga Novo, do Leo...




Continuou facendo unha presentación de Aplicación instantánea, e até se vestiu das diferentes personaxes do seu libro. Recitounos varios poemas de cada personaxe meténdose  no papel de cada un deles, comezando por eses Selfies tan potentes.
Antes de falar de Penúltimas tendencias, o alumnado foi reflexionando sobre aquelas cousas que mais gustaron, ou non, dos libros de Carlos. Destacando o comentario de Pablo Tourís: "Carlos, tes un problema co amor", ao que Carlos respondeu: "En absoluto. O amor é unha das cousas máis bonitas que temos os serers humanos, ou non?", ao que Pablo retrucou "Aínda nunca o experimentei nas miñas carnes, Carlos".

Despois de rirnos deste ocorrente comentario, falou Carlos do problema do amor posesivo, ese que nos venden moitas veces as películas e as series. Falounos de como trata el o machismo nos seus libros e da necesidade de reivindicar o feminismo como loita necesaria pola igualdade. Entramos de cheo en Penúltimas tendencias e até houbo tempo de recitar tamén algún poema de Masculino singular. Carlos leunos varios poemas nos que necesitou da axuda do alumnado, tal e como se ve nestes dous vídeos. Cor de rosa:

Super-Pop e Super-Fashion

Rematamos a sesión escoitando recitar a Carlos varios poemas que nos transportaron a mundos moi diversos.

Carlos, foi un pracer verte de novo por Dodro.