Despois de comer o saboroso condumio que cada quen trouxo da súa casa, comezamos a xornada resumindo entre tod*s a historia, falando sobre todo das partes que máis nos impactaron.
En xeral, houbo gustos para todas as personalidades, que se o mellor foi o principio, que o comezo era demasiado enleado, mais ía mellorando ao desenvolverse a aventura, que se o final tamén era moi interesante...
Non obstante, á maioría, o que máis lle gustou foi o personaxe de Jack o Destripador. Outra das opinións xeneralizadas é que o final era demasiado evidente, e era resolto dunha maneira moi apresurada. Non obstante, o desenvolvemento da aventura foi emocionante e por momentos, vibrante.
Ao final falamos dos diferentes personaxes que aparecen na Balada dos Unicornios. Cales foron inventados por Ledicia, cales foron usados pola autora, mais xa existían anteriormente e cales era reais?
Sabela falounos dos unicornios xa que elaborou un traballo sobre eles para Lingua Castelá.
Posteriormente Xiao falounos de Jack o Destripador e sobre todo o que realmente se sabe del.
Falounos tamén da ruta que existe en Whitechapel en London que el mesmo fixo.
Rematou referenciándonos unha banda deseñada de Alan Moore chamada From Hell, que temos na biblioteca do noso cole, a que é considerada como unha das mellores BD's da historia.
E para a próxima xuntanza... CARLOS NEGRO. O noso querido Carliños voltará ao CPI a falarnos do seu último libro: Aplicación instantánea, que foi Premio Jules Verne de Literatura xuvenil en 2018.
Xa nos tarda.