martes, 9 de abril de 2019

Non o experimentei nas miñas carnes, Carlos.

O 8 de abril fixemos unha xuntanza moi especial. Carlos Negro, antigo profesor do noso centro, achegouse ao noso clube de lectura "Moondo Dodro" para falar do seu último libro Aplicación instantánea (Premio Jules Verne 2018) e tamén de Penúltimas tendencias (Premio da AELG á mellor obra de literatura xuvenil do 2014).

Antes de nada, comemos unhas pizzas que chegaron moi xustas de tempo por problemas alleos ao centro.

Despois de rica pizza de Adria Boiro), comezou Carlos Negro falando de que é poesía. Para que serve? Reflexionamos en grupo e saíron ideas interesantes. Falounos de Lupe Gómez, de Olga Novo, do Leo...




Continuou facendo unha presentación de Aplicación instantánea, e até se vestiu das diferentes personaxes do seu libro. Recitounos varios poemas de cada personaxe meténdose  no papel de cada un deles, comezando por eses Selfies tan potentes.
Antes de falar de Penúltimas tendencias, o alumnado foi reflexionando sobre aquelas cousas que mais gustaron, ou non, dos libros de Carlos. Destacando o comentario de Pablo Tourís: "Carlos, tes un problema co amor", ao que Carlos respondeu: "En absoluto. O amor é unha das cousas máis bonitas que temos os serers humanos, ou non?", ao que Pablo retrucou "Aínda nunca o experimentei nas miñas carnes, Carlos".

Despois de rirnos deste ocorrente comentario, falou Carlos do problema do amor posesivo, ese que nos venden moitas veces as películas e as series. Falounos de como trata el o machismo nos seus libros e da necesidade de reivindicar o feminismo como loita necesaria pola igualdade. Entramos de cheo en Penúltimas tendencias e até houbo tempo de recitar tamén algún poema de Masculino singular. Carlos leunos varios poemas nos que necesitou da axuda do alumnado, tal e como se ve nestes dous vídeos. Cor de rosa:

Super-Pop e Super-Fashion

Rematamos a sesión escoitando recitar a Carlos varios poemas que nos transportaron a mundos moi diversos.

Carlos, foi un pracer verte de novo por Dodro.

martes, 15 de xaneiro de 2019

14 de Xaneiro. Estreamos ano e 1ª lectura compartida do curso.

E recuncamos con Ledicia Costas tres cursos despois de que estivese por aquí con Escarlatina e con un Animal chamado Néboa. De feito, o alumnado de 4º da ESO lembraba perfectamente a xuntanza con Ledicia que está recollida neste mesmo blog.



Despois de comer o saboroso condumio que cada quen trouxo da súa casa, comezamos a xornada resumindo entre tod*s a historia, falando sobre todo das partes que máis nos impactaron.


En xeral, houbo gustos para todas as personalidades, que se o mellor foi o principio, que o comezo era demasiado enleado, mais ía mellorando ao desenvolverse a aventura, que se o final tamén era moi interesante...




Non obstante, á maioría, o que máis lle gustou foi o personaxe de Jack o Destripador. Outra das opinións xeneralizadas é que o final era demasiado evidente, e era resolto dunha maneira moi apresurada. Non obstante, o desenvolvemento da aventura foi emocionante e por momentos, vibrante.

Ao final falamos dos diferentes personaxes que aparecen na Balada dos Unicornios. Cales foron  inventados por Ledicia, cales foron usados pola autora, mais xa existían anteriormente e cales era  reais?



Sabela falounos dos unicornios xa que elaborou un traballo sobre eles para Lingua Castelá.

Posteriormente Xiao falounos de Jack o Destripador e sobre todo o que realmente se sabe del.



Falounos tamén da ruta que existe en Whitechapel en London que el mesmo fixo.
Rematou referenciándonos unha banda deseñada de Alan Moore chamada From Hell, que temos na biblioteca do noso cole, a que é considerada como unha das mellores BD's da historia.



E para a próxima xuntanza... CARLOS NEGRO. O noso querido Carliños voltará ao CPI a falarnos do seu último libro: Aplicación instantánea, que foi  Premio Jules Verne de Literatura xuvenil en 2018.

Xa nos tarda. 

Presentación do Clube de lectura ao alumnado de 1º da ESO e 1ª xuntanza.

O 10 de outubro o alumnado de 2º da ESO que xa estivera no clube de lectura o curso pasado, presentoulle ao novo alumnado da ESO a actividade, animándoos a participar neste 2018/2019. Aquí tendes as fotografías de Pablo e David de 2º.




E parece que convenceron a moito alumnado, pois na primeira xuntanza do 23 de novembro, na cal elexíamos a primeira lectura, estaba a biblioteca chea.



E así... eleximos como primeira lectura A balada dos unicornios de Ledicia Costas, recén premiada co Lazarillo 2017.

Vémonos para comezos do 2019 e ter a primeira xuntanza para falar destes unicornios. Até breve.