luns, 23 de xullo de 2018

Club de lectura de profes

Este curso, encetamos o noso Club de lectura de profes. E fixemolo con dous títulos e dúas xuntanzas (acompañadas de comida e de cea), xa que de todo o mundo é sabido, que a cultura con comida...

A primeira charla tratou sobre a obra El beso de la mujer araña. A través das achegas de cada membro conseguimos enriquecer unha obra que deu lugar a opinións moi diferentes. Valoramos principalmente a confección dos personaxes principais, as narracións dentro da propia novela e o estilo innovador. Algúns de nós puidemos visualizar a película baseada na novela e comentar algunhas das diferenzas e similitudes.



A segunda lectura foi escollida tras unha proposta de libros de varios profesores entre as que votamos, saíndo elixida Matadero 5. Reunímonos para comentar a súa lectura e a pesar de suscitar puntos de vista encontrados, deu moito xogo por ser unha novela tan singular. Houbo moitas dúbidas sobre algúns dos aspectos que se tratan nela que procuramos resolver entre todos. Esta obra deu lugar a que moitos investigaramos sobre algúns dos episodios históricos que na novela se relatan, polo que non só nos divertimos con ela senon que nos proporcionou novas aprendizaxes.

Roteiro pola Coruña - 19 de xuño




O 19 de xuño fomos á Coruña. E xa ven cedo, desde as 10:30 da mañá até as 19:00 desfrutamos da saída á Coruña.

Fomos por varias librarías, pois a actividade que tiñamos programada no Centro Ágora, tivo que cancelarse no último momento. Fomos a Berbiriana, (pasando antes pola Real Academia Galega e pola casa de Emilia Pardo Bazán), á libraría Sisargas, 
 pasamos tamén pola Fiándón, que é unha libraría de vello que se atopa a poucos pasos. As obras máis insólitas e difíceis de atopar conviven alí con outras que buscan un segundo dono. Foi unha experiencia nova para moitdos dos rapaces achegarse a un establecemento deste tipo. Ademais, contamos co privilexio de baixar até un salón aínda máis antigo ao que fomos convidados polo libreiro.



Pasamos antes de xantar, por Alita Cómics. Alí desfrutamos de todo tipo de obras da banda deseñada, manga, tebeos e demais artiluxios. Sen dúbida, o que máis chamou a atención foi a espada láser da Guerra das Galaxias.



Despois de xantar, fixemos a charla sobre o último dos libros que lemos. Unha Banda Deseñada para rematar o curso: Los diarios de Cereza.

Tivo moi boa aceptación e serviunos para coñecer un pouco máis sobre o mundo do cómic, a súa linguaxe, a interrelación entre imaxe e texto. Co primeiro volume: El zoo petrificado, asistimos a unha homenaxe á fantasía e á imaxinación, que o alumnado soubo aprezar.

Nesta última xuntanza tamén fixemos a valoración final do Club de Lectura deste curso e das lecturas seleccionadas. Foi todo un éxito.

Ao chegar a tarde, dirixímonos á libraría Moito Conto. Tiñamos concertada unha charla con Ester, a súa propietaria, que nos falou dalgunhas das obras que máis éxito tiñan e que elas consideraban de máis calidade literaria. Explicounos o funcionamento da libraría, as actividades que programan, as charlas con escritores que se celebran alí… E finalmente, as nosas rapazas e rapaces contáronlle o que estivemos lendo este curso e os seus xéneros e lecturas preferidos. 


Rematamos a visita na Fnac, petición expresa do alumnado, na que xa algo cansos e con pouco tempo pola saída do autobús, percorreron as súas distintas seccións.

Resultou un roteiro moi completo, cheo de suxestións lectoras e de contacto cos libros, na que moitos adquirimos xa algunha lectura para estas vacacións; ademais, o bo tempo acompañounos e puideron coñecer mellor a cidade, que moitos nunca visitaran anteriormente. Agardamos poder repetir a experiencia en vindeiros anos.




luns, 19 de marzo de 2018

Pepa a Loba. Icono das bandoleiras no monte galego

O 19 de marzo xuntámonos o clube de lectura Moondodro para falar de dous libros.

Pepa a Loba de Carlos G. Reigosa e Cando petan á porta pola noite de Xabier P. DoCampo.

1º e 2º da ESO leron:


... e 3º e 4º da ESO:


Ambos libros tratan historias que están ambientadas no monte galego. Cando petan na porta pola noite son catro pequenas historias de medo tiradas da tradición oral galega. A pesar das diversas opinións, unha das historias que máis gustou, foi O espello do viaxeiro, onde hospedeiro e viaxeiro se confunden, e como sen case decatarse, a hospedaxe voltouse o cárcere de viaxeiro. Abordamos o xénero do conto e puxémos en relevo como a tensión vai medrando nos relatos até chegar a un final inesperado.

Por outra banda, coñecemos máis sobre Pepa A Loba. Como un personaxe real se converteu en mito e lenda. A bandoleira galega máis coñecida. Vimos ademais vídeos en youtube de persoas falando da propia Pepa A Loba. Este personaxe, Pepa a Loba, calou tanto no alumando que, no entroido, o grupo de 4º da ESO decidiu disfarzarse dela e da súa cuadrilla na festa do colexio.



luns, 26 de febreiro de 2018

22 segundos. A primeira lectura de Moondo Dodro

O 18 de decembro (xa finalizados os exames, e con moitas ganas do Nadal...) comezamos a nosa primeira reunión do curso.

Varias foron as actividades.

1- Falamos en xeral do libro e demos varios puntos de vista sobre el. Sobre todo falando da temática da transexualidade.


En xeral, todos comprendimos a dificultade coa que se atopa Álex. Mais tamén falamos da sorte que tivo, xa que a familia sempre o apoiou no cambio de Anxela a Álex. E tamén, en xeral, as súas amizades. Apesar dalgunhas dificultades coas que se atopou no camiño.
A axuda encontrada nas redes sociais e como estas supoñen un apoio grande ás persoas transexuais á hora de coñecer outros casos e non atoparse sós.
Non obstante tamén reflexionamos do difícil do cambio e do difícil que ten que ser na realidade, xa que na maior parte dos casos, son rexeitados por familia e amizades.

Acompañamos ademais esta reflexión cunha imaxe de Isa Vázquez moi suxerente:


2- Despois fixemos un xogo moi interesante para tentar pornos na pel dunha persoa que non está para nada cómoda coa "pel" coa que lle tocou nacer. No xogo Sénteste cómod@?.


3- Rematamos a xornada vendo un vídeo explicativo de 10 minutos sobre a diversidade sexual. 


A verdade é que é ben diversa a sexualidade humana... e non só homes e mulleres. Sorprendente e pouco reivindicado.

Próxima parada: Xuntanza con Eva Mejuto o 27 de fevereiro.
Seguiremos contando...

Xuntanza informativa. O alumnado antigo explica o Clube de lectura en 1º ESO

O 20 de outubro o alumnado que xa participara o curso pasado no Moondo Dodro, explicou en 1º da ESO que era e en que consistía isto do Clube de Leitura


E a explicación debeu de ser moooi boa, xa que o 95% do alumnado de 1º  da ESO participou no Moondo Dodro do 2017/18.

Á semana seguinte da explicación, fixemos unha xuntanza na Biblioteca onde voltamos a explicar o Clube de lectura e decidimos o 1º dos libros que íamos a ler. 





O libro seleccionado foi: 22 segundos de Eva Mejuto. Ademais, organizaremos unha xuntanza coa autora para fevereiro. Ansiosas estamos. 😋😋😋😋😋😋😋😋😋