mércores, 19 de abril de 2017

Nova e misteriosa xuntanza do Moondo Dodro.

     O 3 de abril xuntamos de novo *s lector*s do noso centro ao redor de varias lecturas de misterio e investigación...

     Mas lembrade, antes de falar dos libros lidos, hai que xantar. E nada mellor que unhas pizzas da Pedra para abrir apetito literario.



     E comezamos falando de La muerte y la doncella. Un lied -canción acompañada de piano sobre poemas xa existentes- de Franz Schubert que convertiría despois nun cuarteto de corda. 



    Música que foi referenciada no libro de Beatriz Osés: Erik Vogler y los crímenes del Rey Blanco, e que axuda a resolver o misterio que persegue a Erik. Este libro foi lido polo alumnado de 1º e 2º da ESO.




    O libro lido por 3º e 4º da ESO tamén trataba sobre investigacións misteriosas. Quen era o can dos Baskerville?, existía realmente? Que papel xogaban Stapleton e a súa enigmática irmá? 



     Arthur Conan Doyle creou a Sherlock Holmes, o personaxe máis emblemático da literatura policial e de investigación de todos os tempos. Tanto que até se fixo unha serie actual co mesmo nome do personaxe. Vimos un pouco da serie: cando Sherlock coñece a Watson e como é posíbel que saiba tantas cousas del por só un pequeno contacto de un ou dous minutos.



     E para rematar a xornada, fixemos unha pequena proba de investigación na que o alumnado en grupos de 3-4 tiñan que averiguar de quen era o pen drive branco atopado na biblioteca. Para descubrilo, tiñan que seguir unhas pistas que previamente lles demos...
    E non é por nada, mais pensamos que hai vari*s alumn*s que poden estudar criminoloxía, xa que teñen moi bon ollo para a investigación. ;)