luns, 3 de xullo de 2017

Pontevedra á nosa espera

E o 28 de xuño, xa coas clases rematadas, fomos en tren cara Pontevedra. Alí tiñamos varias actividades programadas.

1- Visita a librarías.
2- Paseo pola zona vella de Pontevedra (Castelao e Valle-Inclán).
3- Debate sobre a Banda Deseñada Aleida. (A nosa lectura deste trimestre).
4- Visita ao Garaxe Hermético e charla con Kiko da Silva.

E comezamos:




Despois de xantar os ricos bocatas que levavamos das casas (aínda que a maior parte foron por pizza... -non sabemos que pasa, se é que asocian xa lectura e pizza-). Comezamos a falar de Aleida, cidade sen alma nas portas do Convento de Santa Clara. Sentados e con sombra.







Alí falamos de que nos gustou moito Aleida. Sobre todo a cor e os deseños. A propia historia está moi ben tamén, non obstante, vimos que se resolvía moi rápido a trama. Falamos do custoso que é facer unha banda deseñada, e supuxemos que a resolución da trama foi moi rápida precisamente por esta razón.

Polo resto, unha banda deseñada galega para todos os públicos completamente recomendada.


E para rematar, charla sobre cómic e creación con Kiko da Silva, que tamén nos falou do seu proxecto novo Baixo a sombra das pedras flotantes.




E aquí unhas imaxes da charla e da visita ao Garaxe Hermético.






Foi unha experiencia ben linda como remate do noso club de lectura deste curso. Até o que veeeen.

mércores, 19 de abril de 2017

Nova e misteriosa xuntanza do Moondo Dodro.

     O 3 de abril xuntamos de novo *s lector*s do noso centro ao redor de varias lecturas de misterio e investigación...

     Mas lembrade, antes de falar dos libros lidos, hai que xantar. E nada mellor que unhas pizzas da Pedra para abrir apetito literario.



     E comezamos falando de La muerte y la doncella. Un lied -canción acompañada de piano sobre poemas xa existentes- de Franz Schubert que convertiría despois nun cuarteto de corda. 



    Música que foi referenciada no libro de Beatriz Osés: Erik Vogler y los crímenes del Rey Blanco, e que axuda a resolver o misterio que persegue a Erik. Este libro foi lido polo alumnado de 1º e 2º da ESO.




    O libro lido por 3º e 4º da ESO tamén trataba sobre investigacións misteriosas. Quen era o can dos Baskerville?, existía realmente? Que papel xogaban Stapleton e a súa enigmática irmá? 



     Arthur Conan Doyle creou a Sherlock Holmes, o personaxe máis emblemático da literatura policial e de investigación de todos os tempos. Tanto que até se fixo unha serie actual co mesmo nome do personaxe. Vimos un pouco da serie: cando Sherlock coñece a Watson e como é posíbel que saiba tantas cousas del por só un pequeno contacto de un ou dous minutos.



     E para rematar a xornada, fixemos unha pequena proba de investigación na que o alumnado en grupos de 3-4 tiñan que averiguar de quen era o pen drive branco atopado na biblioteca. Para descubrilo, tiñan que seguir unhas pistas que previamente lles demos...
    E non é por nada, mais pensamos que hai vari*s alumn*s que poden estudar criminoloxía, xa que teñen moi bon ollo para a investigación. ;)








xoves, 9 de febreiro de 2017

Primeira reunión do Club no curso.


E xa por fin, chegou o día. O 19 de decembro, logo de feitos xa todos os exames, xuntámonos para falar dos libros comentados...

Mais antes tocaba xantar:


Aiiii... despois das ricas viandas, comezamos a falar.
E falamos da emigración. Neste caso da emigración cara Europa. Comezamos por Lúa do Senegal de Agustín Fernández Paz. Falamos de Khoedi, de como foi a súa integración. De como sería ter estado na súa pel... Falamos tamén dos seus contos, as súa historias africanas en Vigo, e como era a Lúa a súa conexión coa súa casa... coa súa avoa.




E a conversación foinos levando a Camiños na Auga. Que significaba ser albino. E a trepidante viaxe que fixo Szymo na procura dun mundo onde non fose xulgado polo seu físico.

Percorrimos no google earth o que sería a súa viaxe desde a súa Tanzania natal até as Canarias... E a verdade é que impresiona ver o que el tivo que vivir até chegar ao comezo da súa nova vida.



 Despois escoitamos a canción de Salif  Keita, La Difference, e vimos uns minutos dun documental de Jordi Évole sobre a emigración e as viaxes que se fan nas pateras desde África até Europa.


A verdade é que o medo e a vertixe son moito maiores cando son situacións reais.


... E fixemos a primeira xuntanza informativa.

 

Explicamos nun recreo aos novos de 1º da ESO como funcionaba o noso Moondododro, e falamos sobre que libros iamos ler. 

 

 

E como a temática do centro vai ser o medo e o misterio, comezamos con...

Medo aos mundos novos, aos mundos descoñecidos: A emigración. 

- 1º e 2º da ESO lerán Lúa de Senegal de Agustín Fernández Paz.
- 3º e 4º da ESO lerán Camiños na auga de Manuel Núñez Singala.