Comemos uns bocatas no centro e falamos da banda deseñada Un océano de amor dos autores Wilfrid Lupano e Gregory Panaccione. Un precioso libro que mestura amor e ecoloxía.
Esta banda deseñada non ten texto. A narración é feita só con deseños... e entón xurdiunos a dúbida. Podemos falar de ler un libro que non ten texto? Chegamos á conclusión que, no entanto hai narración, hai lectura. De facto, ao non ter texto, as interpretacións vólvense máis diversas.
Esta é a portada deste "libro de aventuras ao que lle encanta a rutina" (Iria). Un conto de dúas historias paralelas que son capaces de xuntarse cunha filloa. Un libro que fala de como a xente anónima é extraordinaria. Nas nosas palabras: "Un libro diferente, ameno, entrañábel, suxerente..."
Despois de comentar Un océano de amor, puxémonos rumbo a Santiago... E comezamos pola zona vella. Fomos primeiro a Couceiro, onde, a parte de contarnos como estaba organizada a libraría e perdenos entre os libros dos seus estantes, contáronnos como facían as encadernacións.
En grupos fomos tamén á próxima Lila de Lilith, a libraría feminista de Santiago. Alí tamén compramos algúns libros. Despertando curiosidade entre todos o libro comprado pola valente Adalía.
De camiño cara as novas librarías que estaban na zona nova, paramos na famosa Biblioteca da faculdade de Xeografía e Historia, onde estudou a nosa querida Elena (de feito, até estivemos procurando a súa orla...)
Xa na zona nova dividímonos en dous grupos, uns fomos a Kómic e outros a Cronopios, para intercambiarnos despois.
Unha destacaba por ter só bandas deseñadas e produtos derivados do universo cómic (cartaces, figuriñas manga, etc...) e a outra pola amplitude e organización dos libros. Tanto nunha como na outra compramos algunha que outra lectura para o verao, unha vez que pasen estes exames de fin de curso.
E ao rematar esta intensa tarde, saímos cansados ás 20:00 de volta a Dodro... onde nos agardaba unha rica cea, e algúns, varias horas de estudo para un exame ao día seguinte.
Pois nada máis, aquí se remata por este curso o blog do noso Club de lectura Moondododro, esperamos que desfrutárades da lectura tanto coma nós lendo e viaxando... Bicoooos