luns, 6 de xuño de 2016

Saída a Bibliotecas e librarías de Santiago

O 1 de xuño pola tarde foi a nosa última xuntanza deste curso... (snifff).



Comemos uns bocatas no centro e falamos da banda deseñada Un océano de amor dos autores Wilfrid Lupano e Gregory Panaccione. Un precioso libro que mestura amor e ecoloxía.

Esta banda deseñada non ten texto. A narración é feita só con deseños... e entón xurdiunos a dúbida. Podemos falar de ler un libro que non ten texto? Chegamos á conclusión que, no entanto hai narración, hai lectura. De facto, ao non ter texto, as interpretacións vólvense máis diversas.


Esta é a portada deste "libro de aventuras ao que lle encanta a rutina" (Iria). Un conto de dúas historias paralelas que son capaces de xuntarse cunha filloa. Un libro que fala de como a xente anónima é extraordinaria. Nas nosas palabras: "Un libro diferente, ameno, entrañábel, suxerente..."




Despois de comentar Un océano de amor, puxémonos rumbo a Santiago... E comezamos pola zona vella. Fomos primeiro a Couceiro, onde, a parte de contarnos como estaba organizada a libraría e perdenos entre os libros dos seus estantes, contáronnos como facían as encadernacións.

En grupos fomos tamén á próxima Lila de Lilith, a libraría feminista de Santiago. Alí tamén compramos algúns libros. Despertando curiosidade entre todos o libro comprado pola valente Adalía.




De camiño cara as novas librarías que estaban na zona nova, paramos na famosa Biblioteca da faculdade de Xeografía e Historia, onde estudou a nosa querida Elena (de feito, até estivemos procurando a súa orla...)



Xa na zona nova dividímonos en dous grupos, uns fomos a Kómic e outros a Cronopios, para intercambiarnos despois.


Unha destacaba por ter só bandas deseñadas e produtos derivados do universo cómic (cartaces, figuriñas manga, etc...) e a outra pola amplitude e organización dos libros. Tanto nunha como na outra compramos algunha que outra lectura para o verao, unha vez que pasen estes exames de fin de curso.

E ao rematar esta intensa tarde, saímos cansados ás 20:00 de volta a Dodro... onde nos agardaba unha rica cea, e algúns, varias horas de estudo para un exame ao día seguinte.

Pois nada máis, aquí se remata por este curso o blog do noso Club de lectura Moondododro, esperamos que desfrutárades da lectura tanto coma nós lendo e viaxando... Bicoooos

venres, 27 de maio de 2016

Ledicia Costas en Dodro. De Escarlatina á 2ª guerra mundial.

O 18 de abril veu Ledicia Costas á nosa biblioteca. Como somos un club moi diverso (de 1º a 4º da ESO), ás veces é complexo atopar unha lectura válida para todas as idades do club. Mais con Ledicia isto é ben fácil. Distribuímonos da seguinte maneira:

1º da ESO leu Escarlatina e a cociñeira defunta.
2º da ESO, O corazónde Xúpiter
3º da ESO, o último de Ledicia: Esmeraldina, a pequena defunta. 
4º da ESO e o profesorado, Un animal chamado néboa




O difícil parecía como nos organizabamos para falar dos 4 libros á vez, tendo en conta que 3 deles son completamente diferentes. Mais Carlos Negro (un experto no tema) non dubidou:

Cada grupo preparou unha breve reflexión e varias preguntas sobre o libro que leran.



  E assi trancorreu a tarde, nunha charla organizada mais libre, xa que saltamos varias veces dun libro a outro, sen perder a conexión entre todos.

A verdade é que ficamos mui felices co resultado do encontro. Ledicia Costas é un auténtica lindeza de persoa.



E a maiores, fixemos uns ricos postres baseados nas receitas mortalmente golosas dos libros de Esmeraldina e Escarlatina.



E xa para rematar, aquí tendes a foto de grupo con Ledicia.



Nada máis...

Agora só nos resta agardar pola saída a Santiago onde falaremos do último libro viaxeiro que lemos Un océano de amor Wilfrid Lupano (guión) e Grégory Panaccione (deseños). Ademais visitaremos varias librarias. Lila de Lilith, Ciranda, Couceiro... e tamén a Biblioteca Ánxel Fole.
Mais iso, xa o veremos na próxima publicación... Calma

venres, 22 de abril de 2016

Lecturas viaxeiras para retomar o Moondo Dodro no 2016

A primeira das lecturas que vamos facer é sobre un libro viaxeiro. Un libro que nos conta unha viaxe nada típica, unha viaxe moi especial que se desenvolve ao longo dunha trioloxía.





Ámote Leo A. -Destino Xalundes- de Rosa Aneiros. 

A decisión, entre outra cousas,  debeuse á temática elexida para este curso: As viaxes.


Despois da consabida Pizza-Pedra, -somos parte club catadores de pizza e parte club de lectura-, Carlos recordou o funcionamento do club Moondo Dodro para a xente que asistía por primeira vez a unha xuntanza.



E comezamos coa sesión de posta en común das primeiras impresións, entre as que destacaron as seguintes:

Paola: -Debía ter rematado nun só tomo. Encántame a diversidade de personaxes.
Cristina: -Necesito saber xa quen escribe "Ámote Leo".
Laura Fabeiro: -Estaba convencidad de que Leo era un tío...
Iria: -Leo tiña que ter olvidado a opinión dos seus pais. Reflexionar menos sobre eles e ser máis libre.

Xiana: -Encantoume a maneira de viaxar. Eu nunca o faría.
Jenni: -Había demasiadas descripcións das cidades ás que viaxaba.
Iago: -Non me gustou. Non me gusta a narrativa. Prefiro a poesía.  (Ahí o deixou tan ricamente)
Antón: -Ten unha maneira de narrar moi melancólica, non obstante a idea da viaxe está moi ben.
Álvaro: -Pichin, pichán... Non lin moito... Unha páxina, creo.  (Outra vaca no millo)



Das 18 persoas que asistiron á xuntanza de Moondo Dodro 7 están interesadas en ler a triloxía enteira.
Carlos explica que nas seguintes partes aumenta a acción a respecto das descripcións das cidades. Isto anima a varios máis de cara a aventurarse na trioloxía enteira.




E retomamos como propias varias discusións que se deron no propio libro.

- Falamos das diferentes maneiras de viaxar: mellor viaxar coñecendo o que se vai ver ou viaxar ignorantes sobre a viaxe?
- Que é en realidade unha viaxe? É só desprazarse? Pode haber viaxes sen desprazamento?
- Mellor as viaxes programadas ou improvisadas?

En xeral o alumnado de Dodro é bastante conservador no tema das viaxes e todos coincidiron que, aínda que é atraínte a maneira de viaxar de Leo, eles prefiren viaxar con todo programadiño... (Quen ten cu ten medo).

En xeral, este libro foi de sensacións agridoces. Prometía algo diferente ao que deu, mais invita a continuar coa trioloxía e saber dunha vez... Quen ama a Leo?