xoves, 30 de setembro de 2021

Comezamos setembro coa última sesión do curso pasado

 Como ben sabedes, o curso pasado non poidemos xuntarnos por empeorar as condicións Covid do Concello de Dodro, deixando para comezos deste 2021/22 a xuntanza.

E así o fixemos, chamando tamén ao alumnado que foi para o bacharelato. Á xuntanza veu Pablo Prado, autor da Banda Deseñada: "O derradeiro libro de Emma Olsen". 



Este libro estaba baseado no homónimo de Berta Dávila. 



E así Pablo Prado contounos como foi o proceso de elaborar unha banda deseñada a partir dunha novela:



Como organizou as viñetas, como fixo o storyboard...




E ao final da charla até nos fixo unha ilustración personalizada para adicarnos un dos nosos exemplares, que gardaremos como alfaia.



Foi unha xornada ben linda e produtiva. E como xa dixemos, até nos visitou o alumnado que agora están en Padrón en 1º de Bacharelato.



Un pracer e até a próxima.

Em breve comezaremos o clube deste novo 2021/22.



luns, 5 de xullo de 2021

1ª Xuntanza real do clube durante a Covid

 Pois por fin chegou o día. Debido ao protocolo Covid, non puidemos xuntarnos antes, mais todo o bon chega. 

En maio, xa que o vírus comezaba a estar máis controlado, fixemos a primeira xuntanza, iso si, en dous grandes grupos: 1º e 2º por un lado e 3º e 4º por outro. Gardamos moi ben as distancias durante todo momento e fixémola en espazos abertos ou moi ventilados.

Os libros elexidos foron os seguintes:

1º e 2º: Atranco no banco de Manuel Núñez Singala

3º e 4º: Por petición do alumnado, lemos unha Escolma de poesía de Louise Gluck, Premio Nobel de Literatura 2020.

Pero antes de nada, tocou comer xuntxs:






O alumnado de 1º e 2º da ESO escacharon co libro deste trimestre e así nolo contaron. Aquí tendes unhas fotos da reunión:







O alumnado de 3º e 4º da ESO desfrutaron moito da poesía de Gluck. De feito foi petición delxs. Seica tiñan moita ansia en ler poesía compartida. Foi unha reunión diferente, pois cada poesía foi un pequeno mundo en si mesmo. Aquí tendes unhas fotos da reunión de 3º e 4º:






Este curso foi todo máis lento debido ao Coronavirus, e por iso, neste ano levamos lecturas para o verao. Faremos unha xuntanza (incluimos aos de 4º da ESO) en setembro. Os libros a ler son bandas deseñadas:



Aleida para 1º e 2º da ESO e O Derradeiro libro de Emma Olsen para 3º e 4º da ESO. A ver se podemos vernos con Berta Dávila ou con Pablo Prado en Setembro.

Pasade un bon verao.


A balada dos unicornios e DX

Este difícil curso decidimos dividirnos en dous grupos por varias razóns. A primeira foi pola Covid (claro) e tamén éramos moito alumnado para estar todos xuntos. 

No primeiro trimestre lemos dous libros: 1º e 2º da ESO lemos A balada dos unicornios de Ledicia Costas e en 3º e 4º da ESO lemos DX de Eli Ríos. 






Respecto á balada dos unicornios, elaboramos uns dípticos despois de ler o libro. 

                        



E respecto a DX, como non poidemos vernos con Eli Ríos, fixémoslle unhas preguntas a través dos vídeos. Isto foi o que lle preguntamos:



E isto foi o que nos respondeu:




Foi un pracer poder voltar compartir lecturas de novo a pesar da Covid-19

mércores, 22 de xaneiro de 2020

Os corpos invisibles de Emma Pedreira.

O 20 de Xaneiro fixemos a primeira xuntanza do noso clube de lectura para falar do libro:

Os corpos invisibles de Emma Pedreira. Eleximos este libro pola traxectoria da propia
autora e por ser o libro premiado nos XI Premios Jules Verne de Literatura xuvenil.

Éramos tanta xente que case non cabíamos no espazo que habitualmente usamos para
o Clube. 40 alunas e alunos. Isto é o 60% de toda a ESO. Aquí tendes unhas fotos
ao rematar de comer e antes de falar da lectura.






E como éramos tantas, fixemos unha primeira ronda onde íamos lembrando o fío
argumental do libro, pois moitas de nós xa léramos o libro en novembro.
Despois de repasar a historia entre todas, pasamos a valorar o libro.



En xeral o libro gustou. Aínda que non todo o alumnado conseguiu chegar ao fondo da obra
e entender a profundidade feminista da mesma. Segundo moitas, a acción era lenta (algo ao
que non están afeitas) e isto provoca que o alumnado non entre no libro na primeira toma de
contacto. A maioría necesitou un tempo de reflexión sobre o mesmo.

E así é, pois Os corpos invisibles deixa un pouso ao longo dos días seguintes á lectura que
se vai facendo cada vez máis profundo e interesante.

O profesorado estamos orgullosos de que o alumnado se enfrente a un libro que supón un reto
para eles, xa que non é o típico libro de literatura xuvenil de lectura fácil onde todo está no seu
sitio. Neste libro pídeselle ao lector que faga o traballo ao igual que nun Cortázar. Estamos
convencidas de que aqueles libros que supoñen un certo desafío son os que máis pegada
deixan.

Para finalizar sesión lembrando que neste trimestre verémonos de novo ao rematar os exames
de fin da avaliación. E seguramente en Febreito teñamos a Emma Pedreira con nós.




martes, 9 de abril de 2019

Non o experimentei nas miñas carnes, Carlos.

O 8 de abril fixemos unha xuntanza moi especial. Carlos Negro, antigo profesor do noso centro, achegouse ao noso clube de lectura "Moondo Dodro" para falar do seu último libro Aplicación instantánea (Premio Jules Verne 2018) e tamén de Penúltimas tendencias (Premio da AELG á mellor obra de literatura xuvenil do 2014).

Antes de nada, comemos unhas pizzas que chegaron moi xustas de tempo por problemas alleos ao centro.

Despois de rica pizza de Adria Boiro), comezou Carlos Negro falando de que é poesía. Para que serve? Reflexionamos en grupo e saíron ideas interesantes. Falounos de Lupe Gómez, de Olga Novo, do Leo...




Continuou facendo unha presentación de Aplicación instantánea, e até se vestiu das diferentes personaxes do seu libro. Recitounos varios poemas de cada personaxe meténdose  no papel de cada un deles, comezando por eses Selfies tan potentes.
Antes de falar de Penúltimas tendencias, o alumnado foi reflexionando sobre aquelas cousas que mais gustaron, ou non, dos libros de Carlos. Destacando o comentario de Pablo Tourís: "Carlos, tes un problema co amor", ao que Carlos respondeu: "En absoluto. O amor é unha das cousas máis bonitas que temos os serers humanos, ou non?", ao que Pablo retrucou "Aínda nunca o experimentei nas miñas carnes, Carlos".

Despois de rirnos deste ocorrente comentario, falou Carlos do problema do amor posesivo, ese que nos venden moitas veces as películas e as series. Falounos de como trata el o machismo nos seus libros e da necesidade de reivindicar o feminismo como loita necesaria pola igualdade. Entramos de cheo en Penúltimas tendencias e até houbo tempo de recitar tamén algún poema de Masculino singular. Carlos leunos varios poemas nos que necesitou da axuda do alumnado, tal e como se ve nestes dous vídeos. Cor de rosa:

Super-Pop e Super-Fashion

Rematamos a sesión escoitando recitar a Carlos varios poemas que nos transportaron a mundos moi diversos.

Carlos, foi un pracer verte de novo por Dodro.

martes, 15 de xaneiro de 2019

14 de Xaneiro. Estreamos ano e 1ª lectura compartida do curso.

E recuncamos con Ledicia Costas tres cursos despois de que estivese por aquí con Escarlatina e con un Animal chamado Néboa. De feito, o alumnado de 4º da ESO lembraba perfectamente a xuntanza con Ledicia que está recollida neste mesmo blog.



Despois de comer o saboroso condumio que cada quen trouxo da súa casa, comezamos a xornada resumindo entre tod*s a historia, falando sobre todo das partes que máis nos impactaron.


En xeral, houbo gustos para todas as personalidades, que se o mellor foi o principio, que o comezo era demasiado enleado, mais ía mellorando ao desenvolverse a aventura, que se o final tamén era moi interesante...




Non obstante, á maioría, o que máis lle gustou foi o personaxe de Jack o Destripador. Outra das opinións xeneralizadas é que o final era demasiado evidente, e era resolto dunha maneira moi apresurada. Non obstante, o desenvolvemento da aventura foi emocionante e por momentos, vibrante.

Ao final falamos dos diferentes personaxes que aparecen na Balada dos Unicornios. Cales foron  inventados por Ledicia, cales foron usados pola autora, mais xa existían anteriormente e cales era  reais?



Sabela falounos dos unicornios xa que elaborou un traballo sobre eles para Lingua Castelá.

Posteriormente Xiao falounos de Jack o Destripador e sobre todo o que realmente se sabe del.



Falounos tamén da ruta que existe en Whitechapel en London que el mesmo fixo.
Rematou referenciándonos unha banda deseñada de Alan Moore chamada From Hell, que temos na biblioteca do noso cole, a que é considerada como unha das mellores BD's da historia.



E para a próxima xuntanza... CARLOS NEGRO. O noso querido Carliños voltará ao CPI a falarnos do seu último libro: Aplicación instantánea, que foi  Premio Jules Verne de Literatura xuvenil en 2018.

Xa nos tarda. 

Presentación do Clube de lectura ao alumnado de 1º da ESO e 1ª xuntanza.

O 10 de outubro o alumnado de 2º da ESO que xa estivera no clube de lectura o curso pasado, presentoulle ao novo alumnado da ESO a actividade, animándoos a participar neste 2018/2019. Aquí tendes as fotografías de Pablo e David de 2º.




E parece que convenceron a moito alumnado, pois na primeira xuntanza do 23 de novembro, na cal elexíamos a primeira lectura, estaba a biblioteca chea.



E así... eleximos como primeira lectura A balada dos unicornios de Ledicia Costas, recén premiada co Lazarillo 2017.

Vémonos para comezos do 2019 e ter a primeira xuntanza para falar destes unicornios. Até breve.